Monday 29 de April de 2024

Berta Dávila revalida o Premio da Narrativa Repsol coa obra “Illa Decepción”


O galardón, dotado con 12.000 euros e a publicación da obra por Galaxia, está convocado conxuntamente pola Xunta de Galicia e a Fundación Repsol

Berta Dávila, unha das escritoras novas máis prolíficas en lingua galega, revalida o Premio de Narrativa Breve Repsol convocado conxuntamente na súa XIV edición pola Xunta de Galicia e a Fundación Repsol, coa obra Illa Decepción, logo de facerse con el xa na VIII edición coa obra O derradeiro libro de Enma Olsen (2013). Así o deron a coñecer hoxe o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais a directora da Refinería de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro, nunha rolda de prensa.
Durante o acto, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou “a importancia deste galardón que nace do compromiso da Fundación Repsol coa literatura escrita na lingua propia de Galicia”. Nesta liña, subliñou que o premio é xa “unha das referencias no eido literario galego, tanto para escritores novos como para aqueles outros xa consagrados no noso sistema literario”, afirmou. O certame supón ademais unha oportunidade para autores xa consagrados, como é o caso de Dávila, que conta no seu haber con recoñecementos importantes como o Premio da Crítica 2019 outorgado pola Asociación Española de Críticos Literarios (AECL).
Ademais de Valentín García e Natalia Barreiro, na rolda de prensa tamén participaron o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes; o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, e a voceira do xurado, Anna Figueiredo.

Alto nivel de calidade e participación
A gañadora desta XIV edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, Illa Decepción, recibirá un premio de 12.000 euros e a publicación do libro por parte da Editorial Galaxia. Esta obra impúxose a outras obras orixinais e inéditas que concorreron ao certame cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. O xurado elixiu Illa Decepción por unanimidade, e destacou, “non só o alto nivel de participación, senón o alto tamén a innegable calidade de moitas das novelas, amais da grande variedade de temas, rexistros e estilos que estas propoñen”.
A voceira do xurado trasladou que este xurado “define Illa Decepción como unha novela de autorepresentación, na que a autora navega polos lugares cotián cunha delicadeza estilística posuidora de grande elegancia, ao tempo que expón ante o lectorado cuestións de gran calado respecto da familia, das relacións interpersoais, da maternidade e da pertenza a un lugar e unha comunidade”.

A gañadora
Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de poemarios como Corpo baleiro (Espiral Maior, 2007) e Raíz da fenda (2013, Premio Johan Carballeira, Premio da Crítica española, Premio da AELG). No eido da narrativa, iniciouse con Bailarei sobre a túa tumba (2008, Premio Biblos de Novela), á que seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (Barbantesa, 2010), traducido para o castelán e o xaponés.
O derradeiro libro de Emma Olsen, ademais de recibir o Premio de Narrativa Breve Repsol en 2013 obtivo o Premio Ánxel Casal ao Mellor Libro de Ficción. Tamén obtivo o Premio como Autora do Ano 2013 da AELG. A todos estes galardóns súmase o Premio da Crítica 2019 na modalidade de narrativa en galego outorgado pola AECL por Carrusel (Galaxia), co que xa gañara o XXXI Premio de Novela Manuel García Barros en 2019.
O Premio Narrativa Breve Repsol
O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña e desde 2010, convócano conxuntamente a Fundación Repsol e mais a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, coas colaboracións da Editorial Galaxia, da RAG e da AELG.
O xurado da XIV edición do Premio Narrativa Breve Repsol integrárono Carlos Lema, director de edicións de Galaxia; Antón Lopo, escritor e editor, gañador do certame na súa XII edición, en representación da Fundación Repsol; a escritora e profesora Mercedes Queixas Zas, en representación da RAG; o profesor, investigador e crítico literario Armando Requeixo, en representación da Secretaría Xeral de Política Lingüística; e a profesora Anna R. Figueiredo, en representación da AELG. A entrega do premio terá lugar antes de final de ano na cidade da Coruña.